Uxía Trío PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Casa das Crechas   
Venres, 18 Xuño 2010 11:42

Uxía _ A voz do Atlántico

21 xuño ás 22:30, entrada 6 €

Uxía, voz
Sérgio Tannus, guitarra
Alejandro Luzardo, guitarra

“A cantante pontevedresa encandilou a un público ao que chegou a poñer en pé nun recital na Galileo Galilei” (Uxía, maravilla serena. Fernando Neira, El País)

Partindo da tradición e das atmósferas de Galicia, Uxía reinventa e personaliza os sons que nos emparentan con países como Portugal ou Brasil. A emoción e a experimentación musical son dúas constantes na vida dunha artista cuxa traxectoria, que alcanza este ano os 25 anos, está marcada polo contacto e a aprendizaxe doutras culturas. As últimas propostas desta creadora incansable conxugan o ritmo atlántico con doces melodías galegas, debuxando rutas que nos levan a portos de esperanza, amor e desamor, compromiso, tenrura e alegría.

Agora que se cumpren os 25 anos do certame que marcou o comezo da súa carreira, Uxía acompáñase do guitarrista brasileiro Sérgio Tannus e máis do guitarrista uruguaio Alejandro Luzardo. En formato trío, Uxía interpreta versións dalgúns dos temas máis representativos dos seus 25 anos de carreira, xunto co cancións do seu último disco, Eterno Navegar, ademais dalgunhas sorpresas e novidades.

Unha proposta de pequeno formato na que a versatilidade das guitarras de Tannus e Lizardo ofrece un marco cheo de matices para a excepcional voz de Uxía. Unha voz que une as culturas de ambos os lados do Atlántico.



 

Uxía_

Uxía nace en Sanguiñeda (Mos) en 1962 e comeza a cantar moi nova. A súa carreira despega cando obtén o primeiro premio do Festival de Bergantiños, en 1985, e dende aquela non deixa de acumular éxitos. Publica cinco discos en solitario, dous con Na Lúa e un con Rasha, María Salgado e Xesús Pimentel. Colabora, compón, escribe, produce, dirixe e participa en maior ou menor medida en ducias de proxectos artísticos, súbese soa ou na compañía dos grandes nomes da música aos escenarios de toda Europa e de Latinoamérica e conquista o público e a crítica nacionais e internacionais cunha manchea de cancións que xa forman parte da memoria colectiva.

Discografía:
Foliada de marzo (Edigal, 1986)
Entre cidades (Sons Galiza, 1991)
Estou vivindo no ceo (Nubenegra, 1995)
La sal de la vida (Nubenegra, 1997)
Danza das areas (Virgin, 2000)
Eterno navegar (Harmonía Mundi, World Village, 2008)


Sérgio Tannus_

Músico autodidacta, virtuoso en instrumentos variados como a guitarra, o baixo, o cavaquinho, o bandolín e as percusións, Sérgio Tannus é un dos mais completos artistas do panorama musical brasileiro. Na busca de novas sonoridades deixouse influenciar por múltiples estilos sen deixar de lado a súa brasilidade. En viaxes entre Galiza e Brasil compartiu escenario con importantes artistas das dúas beiras do Atlántico, como Uxía, Paulinho Moska, Fred Martins ou Marcos Lima. O seu traballo musical ten tamén unha vertente solidaria, coa composición de máis de 40 cancións infantís para proxectos educativos no Brasil e noutros países.

Alejandro Luzardo_

Nacido en Durazno (Uruguay) en 1971, Alejandro Luzarno é un guitarrista, percusionista e compositor de formación esencialmente autodidacta. Comezou en Montevideo cun grupo de candombe-jazz, un ritmo que o acompañará en toda a súa carreira. Cando en 1995 se traslada a Barcelona entra en contacto coa músicas doutras rexións do mundo como Senegal, Colombia, Brasil, Cuba... Actualmente lidera o seu proxecto creativo Alejandro Luzardo e La Candombera, e colabora con artistas como Paulinho Lemos, Edu Tancredi, Jamila Castillo ou Marcelo Mercadante.

Comentarios
Procurar
Somente os usuarios rexistrados poden escribir comentarios!

3.23 Copyright (C) 2007 Alain Georgette / Copyright (C) 2006 Frantisek Hliva. All rights reserved."