On the Road_ A mirada en movimento.
Fotos de Xavier Belho

Agora que os habitantes do primeiro andar do mundo desperezan os músculos e a mirada dando un paseo polo resto do edificio, Xavier Belho traenos ata Compostela as imaxes da viaxe que hai dous anos o levou a Maputo con Fran Pérez Narf e Manecas Costa*.
Cando miramos Mozambique a través do cristal de Xavier Belho, vemos persoas en movemento. Nenos e nenas, mulleres e homes. Familias, parellas, grupos de amigos e amigas e individuos solitarios. Persoas que nos dan a benvida ao seu mundo, que falan entre si, que nos miran aos ollos. Seres humanos que cargan ás costas o peso das súas derrotas, que celebran os seus triunfos, que desexan e viven. Persoas que camiñan e que nos fan camiñar.
Nós mirámolos dende a barreira, desde o primeiro andar, dende a fiestra dun coche tamén en movemento e vemos unha imaxe en blanco e negro. Unha instantánea cotiá na que, se poñemos atención, podemos atopar todos os matices do gris que caben na vida dunha persoa. Entre tanto matiz descubriremos, tamén, que a cor está sempre presente. Nunha palabra. Nun xesto. Nunha textura que nos sorprende. Na nosa mirada occidental accidental. En nós.
Eu teño tantas cousas que calar e que sentir só pra entender a mensaxe trascendental de aquel olhar profundo como a noite sideral o mundo máis alá do cristal
_ Sonia díaz
___ *Narf e Manecas Costa presentaron no festival Ahoje é Ahoje o proxecto conxunto Aló Irmao, ao que pertencen os versos que envolven este texto.
|
|
Miradas, unha exposición de fotografía de Ruth Beltrán

Baixo o título de Miradas, Ruth Beltran expón unha recopilación de retratos que fixo nos tres últimos anos. Nela pódense ver retratos de Guinea Bissau, Senegal, Galiza e Londres.
|
|

Uxía _ A voz do Atlántico
21 xuño ás 22:30, entrada 6 €
Uxía, voz Sérgio Tannus, guitarra Alejandro Luzardo, guitarra
“A cantante pontevedresa encandilou a un público ao que chegou a poñer en pé nun recital na Galileo Galilei” (Uxía, maravilla serena. Fernando Neira, El País)
Partindo da tradición e das atmósferas de Galicia, Uxía reinventa e personaliza os sons que nos emparentan con países como Portugal ou Brasil. A emoción e a experimentación musical son dúas constantes na vida dunha artista cuxa traxectoria, que alcanza este ano os 25 anos, está marcada polo contacto e a aprendizaxe doutras culturas. As últimas propostas desta creadora incansable conxugan o ritmo atlántico con doces melodías galegas, debuxando rutas que nos levan a portos de esperanza, amor e desamor, compromiso, tenrura e alegría.
Agora que se cumpren os 25 anos do certame que marcou o comezo da súa carreira, Uxía acompáñase do guitarrista brasileiro Sérgio Tannus e máis do guitarrista uruguaio Alejandro Luzardo. En formato trío, Uxía interpreta versións dalgúns dos temas máis representativos dos seus 25 anos de carreira, xunto co cancións do seu último disco, Eterno Navegar, ademais dalgunhas sorpresas e novidades.
Unha proposta de pequeno formato na que a versatilidade das guitarras de Tannus e Lizardo ofrece un marco cheo de matices para a excepcional voz de Uxía. Unha voz que une as culturas de ambos os lados do Atlántico.
|
|
Ler máis...
|
|
|
|
|
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
|
|
Páxina 9 de 29 |